01/05/10

Sobre a lectura de contos clásicos

Percibiu alguén nos medios de comunicación, en datas recentes, a idea de que non convén que os nosos pequenos e as nosas pequenas se submerxan na lectura dos contos clásicos?
Parece ser que foi certo: foron acusados, por exemplo, de ser transmisores de roles de xénero.
Habería que reescribilos, adaptalos, contextualizalos? A polémica parece semellante á que sofre algunha das historias de Tintín como a que leva por título Tintín no Congo, que xa sofreu varias revisións realizadas polo propio autor nun intento de limar as ideas racistas que contiña (contén?) o seu argumento.
Esta idea de reescribir, con todo, non debe ser nova: xa foi realizada ás veces sobre a versión orixinal de contos clásicos para suavizar situacións potencialmente terroríficas para os infantes. Un exemplo é Carapuchiña Vermella, que na versión escrita por Perrault finaliza así:
"-Avoa, que dentes tés!
"-Son para comerte.
E dicindo estas palabras, o malvado lobo botouse sobre Carapuchiña Vermella e comeuna."

A cuestión, pois, é máis complexa. Non se pode formular simplemente co enunciado "lectura de contos clásicos". Os contos clásicos que nós coñecemos poden ser xa versións edulcoradas dos que coñeceron as xeracións de principios e mediados do século XX, por exemplo. A que nos referimos, pois, cando falamos de lectura de contos clásicos?

Sem comentários: