02/04/09

Paxaros Na Cabeza...


Neste 2 de abril queremos facer(nos) unha pregunta transcendente: que efectos ten sobre as persoas e sobre o mundo ter paxaros na cabeza? Unha das posibles respostas atoparémola nun conto delicioso, editado por Kalandraka na colección Seteleguas e escrito por Joel Franz Rosell. Empeza así:

O rei era moi vello.
(...) Mais era un rei bo,
o mellor que tivera aquel reino
na súa historia.
(...) Cada tarde,
cando o rei sentaba alí
logo de recibir aos seus ministros,
os paxaros chegaban (...).
Á hora de durmir
o rei tiña a cabeza
ateigada de chíos e bater de ás;
e ao día seguinte,
cando os ministros
viñan procurar
resposta aos seus problemas,
dáballes solucións
asisadas, xustas e bondadosas.

O soño dos ministros
non era tan pracenteiro...
O Ministro de Defensa
soñaba con ascender a xeneral.
(...) O Ministro de Economía
soñaba con crear un imposto orixinal (...).
O Ministro de Todo o Demais
soñaba con secar a lagoa que había no medio do reino
para construír unha estrada que o atravesase
de punta a cabo.

Claro que, como comprenderedes, non vos imos repetir aquí toda a historia. Digamos que, para conseguir os seus ambiciosos propósitos, os ministros non dubidaron en conspirar contra o rei. O rei pensou unha das súas asisadas respostas. E unha noite sucedeu algo inusual...


Aquela noite, ao deitarse,
[os ministros] tiñan a cabeza chea de trilos e
bater de ás.
En pouco tempo,
o Ministro de Defensa
esqueceu a
guerra;
o Ministro de Economía
o imposto (...);
e o Ministro de Todo
o Demais,
a estrada a través da lagoa.

E como rematan normalmente os contos? Pois dicindo algo así:
Desde ese momento foron máis felices.

Sem comentários: