26/04/09

Sobre memes de difusión viral


Recentemente tivemos o privilexio de recibirmos un pequeno agasallo. Procedía do blog Orbilmanía, e consistía en concedernos o título de “Blog Maneiro” (“Olha que blog Maneiro!” significa algo así como “Mira que blog tan creativo, tan bonito... é unha chulería soa!”). Agradecémolo de corazón: é alentador pensar que o traballo que aquí facemos gusta.
Con todo, parece ser que este premio conleva algunhas regras para ser recibido:

1. Exhibir a imaxe do premio.
2. Dar a coñecer o link do blog que nolo concedeu.
3. Nominar á nosa vez os nosos dez blogs preferidos.
4. Avisar a estes dez blogs.
5. Publicar estas regras.
6. Comprobar que os blogs nominados seguen tamén estas regras.


Primeira reflexión: as dúas primeiras regras, xunto coa quinta, parecen fáciles: co que levamos escrito xa as temos cumpridas.
Segunda reflexión: para cumprir a terceira e a cuarta, precisariamos un listado de todos os blogs que xa foron nominados con anterioridade, pois corremos o risco de repetirnos e facerlle chegar a un mesmo blog o mesmo agasallo varias veces (e ademais: por que teñen que ser dez? E se resulta que nos gustasen trinta e tres?).
Terceira reflexión: a sexta é unha regra que carece de sentido: que faremos se comprobamos que algún blog decide non seguir as regras? Comunicámoslle que deixa de ser un “Blog Maneiro”?
Cuarta reflexión: un agasallo que se dá poñendo condicións non é un agasallo.

Confesamos que temos visto circular pola rede varias “condecoracións” parecidas a esta. Trátase de regalar un nomeamento simbólico a blogs que gustan ou se admiran por unha ou outra razón e recoñecer ao mesmo tempo o traballo dos seus creadores. Son memes de difusión viral: un deles é o chamado “Selo Violeta”, outro o “Blog de Oro”... Tamén nestes casos existen regras, pero só coa intención de ampliar o agasallo a novos blogs. Por iso nos chamou a atención, no caso de “Blog Maneiro”, a sexta regra. Sería que por deformación profesional os ensinantes temos que comprobar sempre que a tarefa está feita como foi indicado?
Confesamos que fixemos un rastreo pola rede á busca dunha resposta. E atopámola no blog que deu orixe a este nomeamento, o blog brasileiro Olha que maneiro! Nun post publicado o 19 de xaneiro de 2009 aparecen as regras completas, que teñen tamén unha finalidade concreta. Se ti tamén sintes curiosidade, e quérela satisfacer, ofrecémosche aquí o enlace: Olha que Blog Maneiro!.

Postdata: pouco despois de redactar este post, chegounos o mesmo agasallo procedente do blog Felices Lecturas, da biblioteca do IES Moncho Valcarce. Agradecidísimos!

Sem comentários: