20/01/08

Analfabetismo? Que analfabetismo?

Década dos oitenta do século XX.
Roladas de novos profesores chegan aos centros de ensino cargados de ilusións e de ideas: renovar as maneiras de aprender, renovar os métodos, remozar os contidos. Os campos sobre os que actúan son múltiples: crear pequenas bibliotecas de aula en centros que carecían de bibliotecas, poñer orde en laboratorios nunca utilizados, introducir métodos didácticos empregados con éxito noutros lugares, buscar xeitos de utilizar a prensa nas aulas...
Un deses campos de actuación foi levar o mundo audiovisual ás escolas.

Tratábase de convertilo nunha ferramenta para ensinar mellor as materias do curriculo (aínda que tamén houbo quen tratou de incorporalo como materia do propio curriculo). Porque o potencial manipulador dos mass-media preocupaba. E había que preparar aos alumnos para un uso crítico deses medios. Era urxente abrir vías para evitar o novo analfabetismo: o analfabetismo nos medios audiovisuais.

Hoxe, vinte anos despois (como dicía a canción: que veinte años no es nada!), parece que a preocupación permanece (acrecentada por un terceiro posible analfabetismo: o analfabetismo nos medios dixitais?). Por esta razón, La Xarxa d'educació en Comunicació, rede catalá que pretende rematar co analfabetismo mediático, ten colocados na rede cinco vídeos da súa campaña promocional con subtítulos en galego. Un deles, que podedes ver a continuación, é autenticamente demoledor:



Podedes visualizar o resto dos vídeos na web Dailymotion.
Podedes tamén visitar a web de La Xarxa.

Sem comentários: